Vudú
Vudú son Belém Tajes –voces e teclado- e Maritxinha –baixo e loops-. No ano 2016, a banda faise co premio á mellor canción en Galego por “Eu son VooDoo” no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul. Deste xeito conseguen consolidarse no seu estilo, íntimo e elegante, e comezan a explorar novos formatos en directo até chegar á proposta que as define na actualidade: música íntima e elegante para “grandespequenos” momentos.
Co seu primeiro disco editado, “Vudú Vol III” combinan letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas con ritmos pop, percusións electrónicas e tintes jazz e soul.
Vudú é unha música de esencia feminina, chea de sensualidade que pretende reivindicar a forza dos cantos tradicionais de Galicia.
O disco “Vudú Vol. III” supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con este traballo, Belém Tajes e Maritxinha preséntannos o seu primeiro disco longo editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles ritmos de jazz e soul.
Partindo de letras tradicionais, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos cercanos aos anos cincuenta en temas como “Xa me dixo”, a versionar cancións populares como en ‘Unha noite na eira do trigo’ e ‘Eu chorar chorei’ e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é “Lingua”, que xira arredor das linguas minorizadas.
Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións ou Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón.