PelePau

Pelepau nace en Vigo no ano 2010, co fin de adaptar temas de tradición galega para percusións. Está formado por 12 percusionistas, todos eles mestres en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega e de recoñecida traxectoria no panorama musical galego.

“Fío e agulla” é o título do seu primeiro traballo, unha adaptación de cantigas populares de diferentes procedencias (galegas, brasileiras, uruguaias, sefardís, africanas…) adaptadas para as voces e percusións tradicionais, con unha posta en escena dinámica e en constante interacción co público. Un recorrido pola música popular galega, misturada e influenciada polos ritmos tradicionais de outras culturas que viñeron da man dos emigrantes retornados, e que aínda conviven na colectividade emigrante galega. Trátase de trece temas que son parte do seu repertorio nos directos por toda Galicia, gravados no estudio do membro do grupo Suso Queixón e coa edición de outro dos membros, Alberto Costas.