Os Fillos do Estramonio
Corría o ano 2011 cando uns rapaces por diferentes circunstancias da vida de cada un que agora non veñen ao caso, coinciden traballando xuntos no programa da Televisión de Galicia “Bamboleo”. Alí descubren que a todos lles gusta a música, e que todos tocan algún instrumento musical. Deciden entón poñerse a ensaiar xuntos “para ver que pasa”. E nacen os Fillos do Estramonio.
Todos mamaron a música dende pequenos: virtuosos estudiados nas grandes escolas de música de Kanfor, Beukelaer ou Fortesende, atopan un camiño común para desenvolver este proxecto musical: facer ruído.
Dende o seu nacemento, o obxectivo do grupo está claro: reventar estadios, facer unha morea de cartos, e disolver a banda para facer un reencontro 20 anos despois. O camiño é longo, pero están traballando duro para acadalo.
Os Fillos do Estramonio son un grupo de rock? de música? de humor? Non está moi claro. Pero se xuntas nunha cocteleira media ducia de descerebrados aos que lles gusta a música, o rock e o humor, é o que obtés como resultado.
Máis de 100 actuacións ao longo da súa dilatada carreira en diferentes festivais, verbenas, locais de toda Galicia, vodas, e algún velorio respaldan a calidade musical e artística do proxecto Fillos do Estramonio.