- A organización repartirá máis de 500 quilos de mexillóns
- A sesión vermú ofrecerá un vermú galego servido por cocteleiros profesionais
- O festival celebra este ano a súa 35º edición, apostando por unha Carballeira “máis folk que nunca”
A 35º edición do festival de Carballeira de Zas volverá ofrecer a súa xa tradicional mexilloada. Desde as 14 horas do sábado 4 de agosto repartiranse 500 quilos de mexillóns de balde entre os asistentes. Ademais, gozarase da sesión vermú, protagonizada por un vermú de orixe galega, servido por un experto cocteleiro que ofrecerá as tres variedades de produto – tinto, branco e negro- cun perfect served.
A sesión estará amenizada por Caxade, un proxecto musical que chegou para quedar e que xa forma parte dos referentes musicais galegos, e Os Farrapos, un grupo tamén de Galicia que cun repertorio de música tradicional de “onte, hoxe e sempre” farán que a música e o baile encha a xornada.
Estes son os primeiros pasos para ir animando o día que terá o seu momento cúlmen ás 21,30 coa actuación de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, Harmonica Creams, Mànran e Astarot no escenario Estrella Galicia.
Pero a Carballeira comezará a quentar motores desde o día anterior, o venres 3, cando os asistentes poderán presenciar un compendio de actuacións cheo de folk con raíces galegas, toledanas e irlandesas grazas aos grupos Pelepau, Niamh Ní Charra, Ses e The Fatty Farmes
As entradas para o festival están xa dispoñibles na páxina www.festadacarballeira.com e a través de Ticketea, cun prezo de saída de 10€/bono para os dous días, que se manterá en xuño. A partir de xullo o prezo será de 12€. Tamén se poderán obter directamente en despacho de billetes, cun custo de 15€ o bono de dous días.
Como nas pasadas edicións, os asistentes poderán contar cunha zona de acampada gratuíta, situada a poucos metros do recinto, dotado de baños e duchas.