Luar na Lubre
Luar Na Lubre fundouse en 1986 na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñecer a música e a cultura galegas. Cun repertorio baseado fundamentalmente en músicas de raíces galegas, Luar Na Lubre é actualmente a banda máis internacional de Galicia e actuou dende Palestina a Canadá, dende Alemaña a Arxentina. En 1996, Mike Oldfield incluíu no seu álbum Voyager unha versión da canción “O son do ar”, que daba título ao primeiro disco da banda coruñesa, publicado en 1988. Tras este debut, Luar Na Lubre lanzou álbumes como Beira atlántica (1990), Plenilunio (1997), Cabo do mundo (1999), XV aniversario (2001), Espiral (2002), Hai un paraíso (2004), Saudade (2005), Camiños da fin da terra (2007), Ao vivo (2009), Solsticio (2010), Mar maior (2012) e Torre de Breoghán (2014).
O 6 de novembro de 2012, Luar Na Lubre publica Sons da lubre nas noites de luar, unha caixa con 3CD+DVD que recolle o mellor dos seus 25 anos de carreira. Son 45 cancións, sete videoclips e un concerto grabado en directo en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 2012 que percorren a traxectoria dun dos grupos máis emblemáticos da música española. “A caixa ofrece unha selección de música co máis significativo do noso repertorio” di Bieito Romero, fundador de Luar Na Lubre, que traduce libremente ao castelán o título da caixa (Sons da lubre nas noites de luar) como Los sonidos del bosque mágico en las noches de plenilunio.
É a música de Luar Na Lubre, suxerente, variada, que permite o baile e a ensoñación. Son cancións vitais, con alma, ben elaboradas e con vocación de permanencia. De gran alcance colectivo e que voan por encima das fronteiras. “Escoitando estas cancións que resumen 25 anos da nosa vida, un sente un vértigo cara adiante. Se miramos cara atrás, o sentimento é de satisfacción”, explica Bieito Romero. “O noso é un traballo de formiguiñas, de ir avanzando en cada álbum, en cada concerto, superándonos en cada momento, sempre activos. Somos unha banda numerosa, equilibrada, que busca o traballo ben feito e está satisfeita dos resultados”.
“O noso primeiro disco contiña O son do ar (incluída nesta caixa), a canción que lle daba título, e da que Mike Oldfield fixo unha versión. En España, Oldfield era unha especie de deus e a nosa música disparouse. Servíunos de moito, a xente achegouse a Luar Na Lubre”, continúa Bieito Romero. “Desde entón, creo que seguimos unha evolución ascendente e non é palabrería. Buscamos que cada disco sexa mellor, ir un pouco máis alá, evolucionar cara a unha superación maior. Publicamos 13 álbumes e a nosa carreira non é de grandes saltos, senón dunha consolidación continua”.
Esta permanencia de 25 anos é máis significativa e meritoria ao haberse desenvolvido con constancia e fidelidade no universo do folk. “Interpretamos músicas tradicionais, vellas cancións, sempre desde a nosa visión”, afirma Bieito Romero. “Traballamos sobre músicas de raíz aportando a nosa cor, o mesmo que coas nosas propias composicións, que sempre teñen inspiración na música galega”. E cando aparece o término “fusión”, Bieito deixa as cousas ben claras: “Somos un país permeable, ao que contribuíu a emigración de ida e volta, o Camiño de Santiago… O carácter dao a forma de entender a música, as sonoridades. Coas fusións hai que tener coidado e coñecer moi ben os estilos. Fusión non é confusión”.
Pero a música de Luar Na Lubre non entende de fusións e confusións, de modas e de vaivéns. É un exemplo de lealdade a unha maneira de facer, de descubrir enlaces entre a raíz e o contemporáneo, de constancia en tempos difíciles que sempre da froitos. Son máis de 25 anos na brecha cun percorrido que se ofrece na caixa Sons da lubre nas noites de luar, un reflexo do máis significativo dun repertorio que Luar Na Lubre leva elaborando desde 1986.
Luar Na Lubre está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfona), Paula Rey (voz), Xulio Varela (bouzouki, voz, percusión), Eduardo Coma (violín), Paxti Bermúdez (bodhran, tambor, djimbek), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos) y Xan Cerqueiro (frautas). Ao longo deste cuarto de século de vida, pola banda pasaron voces como as de Ana Espinosa, Rosa Cedrón e Sara Louraço Vidal, ata chegar á actual de Paula Rey. Todas, xunto ao elevado e preciosista carácter instrumental de Luar Na Lubre, marcaron a música dun grupo único e referencial polo seu tratamento das músicas tradicionais de raíz fundamentalmente galega.
Ao longo da súa carreira, Luar Na Lubre vendeu máis de 300.000 exemplares dos seus álbumes (Plenilunio e Cabo do mundo foron discos de ouro) e recibiu nove Premios da Música (concedidos pola Academia das Artes e as Ciencias da Música), dous Premios Luar (outorgados polo programa Luar de TVG) e un Premio Ideal (concedido por El Ideal Gallego), entre outros recoñecementos. Nos seus máis de 25 anos de traxectoria, Luar Na Lubre deu máis de mil concertos en máis de 23 países, participando nos principais festivais de World Music xunto a artistas como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs o Bob Geldof.