Como xa sabedes, nesta 33ª edición contaremos por primeira vez con dous días de festa: dende o venres ás 21 da noite ata o sábado de madrugada, nos que terá cabida unha sesión vermú con mexilloada incluída, feira de artesanía, mercado ecolóxico e actividades para os nenos.
Respecto ás actuacións, coñecedes todos os grupos? Aquí vos facemos unha breve descrición de cada un deles na orde en que gozaremos deles:
- Ghusto do Boi: grupo que forma unha murga tradicional composta por gaitas, saxo, clarinete, acordeón, percusión e, sobre todo, as súas voces. Levan anos tocando en todo de tipo de acontecementos e veñen presentar o “PROXECTO 2016: O GHUSTO CONTRAAVACA!” no que tocan unha grande variedade de ritmos (xotas, muiñeiras, pasodobres, rumbas, maneos, valses, etc.) que pertencen ao repertorio tradicional de diferentes formacións referentes da música galega.
- Banda Crebinsky: orquestra popular xurdida da película Crebinsky, onde nace como banda sonora. O seu estilo é difícil de clasificar, aínda que algunha das expresións utilizadas para referirse a él son “composicións eclécticas-delirantes próximas á world music”. O seu traballo musical é de gran calidade e contaxiosa vitalidade, que convida á festa sen paliativos. Os seus integrantes teñen unha ampla bagaxe musical e unha grande capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o klezmer ou o folk ao jazz, rock, musica clásica ou experimental.
- Mägo de Oz: banda madrileña de folk metal fundada a mediados de 1989, que se converteu co paso dos anos nun dos máis importantes grupos grazas ao seu orixinal xeito de compoñer e ao seu directo. A súa música basea sobre todo o seu potencial musical no Heavy Metal e a música celta. A escenografía usada nos seus concertos vai dende barcos piratas ata catedrais medievais, pirotecnia e varias postas en escena xamais vistas antes nun grupo español. Calcúlase que vendeu máis de 2.000.000 de discos entre España e Iberoamérica.
- Ruxe Ruxe: grupo de música galega que cumpre neste 2016 os vinte anos de traxectoria. O seu estilo é rock combinado con sons tradicionais galegos, sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada, predominando os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico, mesturando contido social con poesía. Son unha das propostas máis interesantes da música galega, e din deles que teñen o mellor directo do rock de Galicia. Contan xa con 10 discos de estudo, videoclips e un documental sobre a súa historia.
En canto ás actuacións do sábado, durante a sesión vermú estarán:
- Ghusto do Boi
- Orquestra Os Modernos: orquestra que ven de gravar o seu primeiro disco, Dissimulem! cun rexistro musical que garda a esencia das noites de verbena e as mañás de vermú, ofrecendo un repertorio renovado de bailes: foxfrot, baiao, chotis, habanera ou tango americano, corrido, rumba, mazurca e mesmo un avant-garde twist, sen esquecer eses ritmos máis arcaicos e propios do noso folclore como a muíñeira ou a xota.
Pola tarde, teremos outros dous actos musicais durante a feira medieval, o mercado ecolóxico e os xogos infantís:
- Cé Orquestra Pantasma: proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, baseándose na recuperación da figura do home orquestra. Despois de oito anos dentro da música tradicional, navega polos variados estilos da música popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como son A Roda ou a banda de punk Oxtiax ke te Pariú.
- Gran foliada
Xa nos concertos do sábado noite, contaremos con:
- Pelepau: grupo formado por 12 percusionistas de recoñecida traxectoria no panorama musical galego, creado co fin de arranxar temas de tradición galega para percusións. No seu primeiro traballo, adaptan cantigas populares de diferentes procedencias (galegas, brasileiras, uruguaias, sefardíes, africanas,…) ás voces e percusións tradicionais, influenciando a música popular galega polos ritmos tradicionais doutras culturas, que viñeron da man dos emigrantes retornados.
- Luar na Lubre: agrupación galega referente da música celta, a piques de cumprir tres décadas de traxectoria. Ao longo destes anos, cimentou unha sólida traxectoria que adquiriu grande relevancia trala súa colaboración con Mike Olfield. Cunha moi ampla traxectoria, levan vendidas máis de 300.000 copias dos seus traballos. Luar Na Lubre pode considerarse o embaixador musical de Galicia.
- Steve’n’Seagulls: banda finlandesa que fará na Carballeira de Zas a súa primeira actuación en España, cuxo estilo é facer covers de metal disfrazados de granxeiros, con versións de grupos metal ao estilo grassroots norteamericano. Déronse a coñecer no verán de 2014 coa publicación de vídeos en YouTube, onde foi especialmente popular a súa versión de “Thunderstruck” de AC / DC, que recibiu máis de 18 millóns de visitas.
- Skerryvore: dise deles que son a banda xoven máis prometedora de Escocia. O seu estilo é unha mestura única onde a música folk coñece a crueza dos sons urbanos do rock. Gaitas, violín e acordeóns, fusionados con ritmos funky e cancións apaixonadas, complementadas coa voz en alza do cantante principal. Son unha premiada banda escocesa que crea unha fusión “Folk n’ Roll” para o século XXI.
- Andrés Penabad: unha nova xoia do folk galego apadriñado artisticamente por Bieito Romero, líder e fundador de Luar na Lubre. É un acordeonista de larga carreira, que conta con numerosos premios en concursos nacionais e internacionais, e colaborou con Carlos Núñez, Kepa Junquera, Susana Seivane, Luar na Lubre, Pablo Díaz ou Xabi Aburruzaga entre moitos outros.
Como todos os anos, habilitarase zona de acampada para todos os asistentes que o precisen, que non terá un custo adicional.
Recordade que tedes activada a venda anticipada das entradas, tamen a través de Ticketea (www.ticketea.com). O prezo inicial para a venda anticipada é de 10€ as 500 primeiras e 12€ as seguintes, ata o día antes. O prezo no despacho de billetes será de 10€ o primeiro día e 8€, o segundo. Tamén haberá un bono de 15€ para ámbolos dous días.
Animádevos que non falta nada! Ei Carballeira!