Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre

O músico coruñés Xabier Díaz conclúe unha triloxía personalísima en compañía de As Adufeiras de Salitre co seu álbum As Catedrais Silenciadas. Este traballo culmina un proceso que comezou no ano 2015 e no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas.

Nestes seis anos apenas quedan aldeas de Galicia que non fosen visitadas polo músico. As súas composicións, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e, doutra banda, dándolles o seu toque particular. A súa música, as influencias doutras latitudes e as súas novas letras aportan frescura a unha materia prima propia do noroeste.

Este último traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais: hai pasodobres como No Salón das Cereixas, xotas como Illas de Sal, alalás como o tema que da título ao disco, ribeiranas como Tentenublo e muiñeiras e agarrados como o de Vilar de Cabeiras 2.0.

O disco está a colleitar os mellores datos históricos para o proxecto: tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe e entrada na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines (número de agosto-setembro). Nela, os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo.

A Transglobal World Music Charts, unha das listas máis recoñecidas, incluiu As Catedrais Silenciadas no seu ránking de mellores discos 2020-2021: no número 28 do mundo e no número 1 da Península Ibérica.

www.xabierdiaz.com