SES

É o fenómeno dos últimos anos da música galega. E en 2018 volve á estrada co seu quinto disco, ‘Readmirando a condición’, xusto un ano despois de publicar o anterior, vender máis de 7.000 copias e ofrecer uns 50 concertos por toda a Península, con ‘sold- outs’ en todos os auditorios galegos.

SES regresa con este novo traballo no que fai unha revisión do seu disco de debut para darlle unha sonoridade máis ‘SESiana’. Nesta ocasión, a diferencia do primeiro disco, a cantautora encargouse ao 100% de volver a gravar, a producir e a arranxar todos os temas, que agora soan -en moitos casos- totalmente diferentes.

Habitual de todos os auditorios galegos, alén das principais salas de Bilbao, Madrid ou Barcelona, ademais de moitos festivais da Península (en 2017 participou no Madrid World Pride, entre outros), nesta xira volverá polas principales cidades galegas e españolas.

Cunha carreira que non parou de medrar desde que publicou o seu primeiro disco en 2011, SES triunfou en Galicia e máis aló grazas á súa proposta ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, con espazo tamén para a alma de ‘cantareira’ que hai no seu interior.

www.ses.gal