Fanfarria Taquikardia

Fanfarria Taquikardia

Grupo de música extremo festeiro de repertorio taquicárdico, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música  tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a xoldra.

A banda está integrada por instrumentos de vento-metal e percusións varias. A formación principal compóñena trompeta, clarinete, saxo alto, saxo tenor, trompa,  trombón, tuba, caixa re-adornada, timbais e bombo-pratos.

As influencias musicais son varias, comeza polas fanfarrias de Europa do Leste, os “brass ensembles” de Nova Orleáns, as charangas carnavalescas caribeñas e brasileiras e a música tradicional galega. Os integrandes de banda proceden de varios grupos do panorama musical galego: Os Cuchufellos, Os Bechuchos, Pelepau, Skandalo Gz, Pan de Capazo, Os Festicultores, Os Podridos, A Vaga Banda ou A compañía do Ruído.

Ninguén queda impasible e moito menos inmóbil co brutal espectáculo que ofrece este particular conxunto musical. Con eles un pode saber cando comeza a música e a festa, pero non cando remata.