O alcalde de Zas, Manuel Muíño, uniu a súa dobre condición de rexedor e deputado no grupo de goberno da Deputación para promocionar a Festa da Carballeira. No acto central da institución provincial, no que o Camiño dos Faros foi o gran protagonista, os asistentes recibiron unha bolsa con diverso material sobre a comarca, no que se incluía o CD da 31.ª edición do festival, con pezas de John Whelan ou Budiño, entre outros. Este ano, a Festa será por primeira vez dúas xornadas, e Muíño, “sempre de acordo cos organizadores”,quere dar un salto tamén na divulgación. Están estudando opcións, e unha delas podería ser a Casa de Galicia en Madrid. O alcalde aproveitou para entrevistarse co seu responsable, e en breve podería concretarse algo. En canto á súa presenza en Fitur, Manuel Muíño asegura que non sabe cal é o efecto directo de acudir, pero si sabe “cal é o de non estar”, e prefire que Zas e a comarca estean representados.
Fitur é ese grande escaparate mundial do que sempre se fala, polo que o ano pasado pasaron 222.000 persoas, onde se deron cita 9.419 empresas de 165 países e rexións, con 7.400 periodistas e bloggers acreditados, e con actos nos que participaron 200 ministros.